Rama de coñecemento: Ciencias sociais e xurídicas

Campus: Campus de Ourense

Centro
Facultade de Dereito

Materias do título

Ficha no centro

 

Créditos ECTS

240

Cursos

4

Prazas

50

Nota de acceso

7.569 (Ord.) (1)

Prezo

591.00 € (2)

(1) Ord: convocatoria ordinaria, Ext: convocatoria extraordinaria. Nota de acceso do curso 2024/2025
(2) Importe dos créditos ECTS do primeiro curso. Taxas non incluídas

 

Descrición

O Grao en Dereito proporciona ao estudantado unha formación xurídica xeral, teórico-práctica, básica e integral en todas as ramas do Dereito, que permite coñecer e manexar os conceptos básicos do Dereito e alcanzar competencias e habilidades para o exercicio das profesións xurídicas. Permitiralle identificar feitos e problemas xurídicos, extraer consecuencias xurídicas e expor de forma oral e escrita a información e as solucións. A aprendizaxe autónoma do estudantado con comportamento ético correcto e a responsabilidade social constitúen obxectivos esenciais da formación.

Mencións

O Grao en Dereito proporciona ao alumnado unha formación xurídica teórica e práctica, exhaustiva e de calidade. A súa estrutura en mencións faino especialmente atractivo e competitivo para o acceso a profesións xurídicas do sector público e do sector privado. Permite ao alumnado deseñar o seu propio itinerario de materias optativas e, se o desexa, especializarse en cuarto curso en Dereito xudicial ou en Dereito da UE e desenvolvemento sustentable.
A mención incorpórase ao título de graduado en Dereito cando o alumnado cursa polo menos cinco materias optativas integradas nun mesmo ámbito. O título con mención acredita fronte a terceiros a formación especializada obtida polo alumnado, sen prexuízo da formación nuclear que o título garante.
Son dúas as mencións pioneiras no título de graduado/a que oferta a Facultade de Dereito de Ourense:

  • A Mención en Dereito xudicial, máis clásica e xeral dentro da especialización, ofrece ao estudantado con vocación xurídica un sólido programa formativo en Dereito, que o prepara para a práctica xurídica pública ou privada en xeral. Está especialmente orientada ao estudantado que queira dedicarse á práctica xudicial no ámbito da Administración de Xustiza ou ao exercicio profesional da avogacía.
  • A Mención en Dereito da UE e desenvolvemento sustentable, máis innovadora e cun enfoque supranacional, ofrece unha formación especializada e de calidade en torno ao dereito Europeo. Resulta de especial interese para o estudantado ambicioso e sensible aos retos propios dun mundo globalizado. Tamén para o estudantado estranxeiro que desexan participar en programas de mobilidade internacional e afondar no estudo das institucións e fontes propias da UE.

    Perfil de Ingreso

    Non é un requisito indispensable pero resultará beneficioso para a formación integral do estudantado posuír coñecementos en Lingua, Historia, Filosofía, Ética e Economía e manexar linguas estranxeiras. En especial, é recomendable que posúa certa capacidade de comprensión, de análise, de sistematización e síntese, de expresión oral e escrita, de relación, de argumentación e de razoamento crítico.

    Acceso e admisión

    • Bacharelato con ABAU superada
    • Ciclos formativos de grao superior
    • Proba de acceso para maiores de 25 ou 45 anos
    • Titulación universitaria previa

    Saídas Profesionais

    Profesións liberais

    • Avogados
    • Procuradores

    Emprego privado

    • Emprego nas áreas xurídica, laboral e de recursos humanos, en seguros, mutuas, cooperativas, banca e entidades de crédito, en consultorías, en ONG e entidades de cooperación ao desenvolvemento…
    • Postos de traballo cualificados en empresas ou traballos autónomos para os que resulte necesaria formación xurídica
    • Outros postos de traballo para os que non necesita necesariamente, pero se é útil ou conveniente a formación xurídica

    Emprego público

    • Na Unión Europea e outros organismos internacionais
    • No Estado: xuíces, fiscais, letrados da Administración de Xustiza, notarios, rexistradores da propiedade ou mercantil, avogados do Estado, letrados do Consello de Estado, letrados das Cortes Xerais, letrados da Seguridade Social, inspectores e subinspectores de Traballo, inspectores e técnicos de Facenda, interventores e auditores, técnicos da Administración…
    • Nas comunidades autónomas: letrados de parlamentos autonómicos, servizos xurídicos de gobernos autonómicos, técnicos da Administración…
    • Nas administracións locais: secretarios ou interventores da Administración local, letrados ou asesores xurídicos, técnicos da Administración…
    • Outros: diplomáticos, servizos xurídicos doutros entes públicos (por ex. universidades, corpo xurídico militar…), profesores de universidade…